Firmas QPC, Zas
Manuel Suárez Suárez - 10 Novembro 2011 - 07:00 | Un Comentario

“La Juvenil” de Bos Aires e “Casa Cruz” de Baio


Dona Diáspora non entende nin quere admitir que os que enchemos o mundo de esperanza esteamos agora deprimidos —no Río da Prata din “bajoneanos”— diante dunha crise que axiña será auga pasada. Os nosos emigrantes foron o muíño no que arxentinos, brasileiros, cubanos, uruguaios e venezolanos moeron o seu gran de millo para o lévedo dunha sociedade democrática, aberta, solidaria e xusta. Estivemos sementando traballo honrado e optimismo por medio da exportación da nosa forza sentimental.

A nosa vella petrucia quere pedirlle ao presidente da Xunta de Galicia que cando volva pola capital arxentina faga un oco na súa ateigada axenda para achegarse por calquera dos locais comerciais que levan o letreiro de “La Juvenil” na súa fronte. Sexa cal sexa o establecemento que visite terá a posibilidade de coñecer de primeira man un produto de alta calidade elaborado por mans emigrantes de Vimianzo e Zas.

Estamos a falar de pastas frescas ao estilo italiano que aquí en Galicia consumimos maioritariamente secas. Non é ningunha esaxeración o afirmar que son das melloriñas do mundo porque é ben sabido que o trigo de alí é insuperable. A empresa produtora e comercializadora está formada polo grupo familiar dos Bermúdez-Lavandeira que ten as súas raíces nas terras soneiráns de Baio e Pasarela.

Fale con que fale o noso presidente —sexa con Elvira, Lola, Consuelo, Xerardo, Xosé ou Xulio— recibirá cumprida información sobre as diferentes fases produtivas e sobre as toneladas de fariña que se consomen mensualmente para que milleiros de fieis seareiros gocen cos saborosos ravioles, tortelines ou ñoquis. Escoitará con atención a historia familiar destes entusiastas empresarios que souberon da existencia das pastas frescas cando chegaron a Arxentina.

Os que poden falar de loita con autoridade son aqueles que nunca baixaron os brazos xa que a palabra queixa ou lamentación nunca formou parte do vocabulario da da tribo dos Bermúdez-Lavandeira. A base do seu éxito está na unidade xa que todos empurran do carro en harmonía de esforzos. Sempre xuntos irmás, irmáns, cuñadas, cuñados e agora os fillos e axiña virán os netos. Aquí nesta gran familia non hai lugar para ningunha clase de individualismo freador de proxectos.

A historia arxentina das últimas décadas está chea de desfeitas. Unha crise detrás de outra con tristes etapas de gobernos dictatoriais de coimeros e chorros ata que deixaron o país asulagado e nas mans dos especuladores financeiros internacionais. Por sorte, vaise mellorando xa que a nosa neta da Fonsagrada herdou o ánimo do seu avó Pascasio e está indo paseniñamente polo camiño da recuperación mediante a creación de emprego fuxindo das aventuras de tempos pasados.

No seo familiar da “Juvenil” sempre houbo acordo en seguir o mesmo rego ou filosofía. Eles son amasadores para o padal dos cidadáns e a nobre e branca fariña que teñen nas mans é a que cada mañá lles alegra o día. Houbo moitos anos en que só cubriron gastos pero non fixeron ningún movimento para comprar de dólares senón que se mantiveron firmes sen despidementos de persoal e sen ganancias. Nos períodos bos invisten os beneficios na renovación constante de maquinaria —a máis moderna do país— e no mantemento dunhas relocentes instalacións nas que se cumpren as máximas medidas de hixiene.

Os que coñecen aos Bermúdez-Lavandeira coinciden en destacar a súa honestidade profesional. Se mercan fariña máis barata aforrarían miles de pesos en cada tonelada pero semella que o seu oficio lévaos a pensar nos seus seareiros porque non hai quen pague algúns destes comentarios: “¡Flor de pastas, che!” ou “Le damos diez puntos a los ravioles de riccotta y nuez que nos morfamos”. A calidade mantívose sempre estivese o trigo máis caro ou máis barato porque a norma é a de mercar a mellor fariña do mercado.

Antes de viaxar ao sur riopratense dona Diáspora permítese a licencia de facerlle ao Sr. Núñez Feijóo unha pequena suxestión. Estaría ben que se achegase ata a vila de Baio [Zas] para coñecer a Teresa que é a propietaria de “Casa Cruz”. A filla de Antón das Maroñas herdou unha recoñecida e tradicional casa de comidas na que sempre se cociñou con fondo agarimo. Unha feira non era feira sen ir comer os callos en “Casa Cruz” que ademais de quentar o corpo eran un bo fortalecedor do espírito.

Aquí na lareira de Teresa xantan sempre os viaxeiros do clan Bermúdez-Lavandeira que son vellos amigos da anfitrioa. Se somos observadores axiña comprobaremos que hai unha mesma paixón a pesar do cambio de escenario e de actividade. A boa de Teresa herdou un patrimonio que lle permitía vivir lonxe do lume e das potas pero o seu sentimento de identidade non lle deixou afastarse da gramalleira familiar. Houbo quen fixo moitos cartos fervendo mariscos en auga quente pero Teresa mantívose na canle da cociña caseira. Unhas boas patacas e unha carne escollida levan recibindo as louvanzas dos comensais que agradecen a seriedade gastrónomica dunha muller que rexeita adubíos espumentos que saen moi ben nas fotos pero que non enchen o bandullo.

En Baio e en Bos Aires seguen a mesma liña de actuación que se identifica e caracteriza por traballar desde o corazón. Os dous exemplos son para imitar e copiar e reproducir aquí xa que son o medicamento máis eficaz para aventar calquera variedade nociva de crise económica e social. Se o noso corazón latexa esperanza estaremos vacinados contra do desalento e do pesimismo. Se queremos coller folgos hai unha receita que non falla. Ir ata as Galerías Pacífico da avenida Córdoba na capital arxentina e cumprir as indicacións da boa amiga uruguaia Dinora Drömer Fernández: a) Mirar detidamente as pinturas que fixo Colmeiro na cúpula; b) Baixar as escaleiras ata o restaurante “Mondo Spaguetti”; c) Pedir calquera prato con pastas. Despois cómpre camiñar ata o veciño porto para lembrar que os avós comezaron naquel amplo peirao a súa conquista da cidade sen outra arma máis que a esperanza de erguer un niño lonxe do frío vento nordés.

  • Manuel Suárez Suárez. (mansuarez[arroba]quepasanacosta.com)

Outros artigos dende Lonxe de Montevideo

1 Comentario

  1. [...] presidente da entidade Carlos Ameijeiras (ao que o noso colaborador Manuel Suárez Suárez adicaba o su último artigo) amosou as novas instalacións e valorou moi positivamente a [...]

    Pingback por A Deputación prantexa dende a diáspora a unión de Concellos — 30 Novembro 2011 @ 10:55

Canal RSS dos comentarios da entrada.

Este formulario de comentarios está pechado neste momento.

 
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE