Inicio
foto_opinador

Que pasou na Costa

Víctor Castiñeira

Cultura, Firmas QPC
15 Novembro 2011 - 07:00 | Comments Off
As orixes das terras de Nemancos (X): As tensións de mediados do s. XV: Das loitas entre o arcebispo e os Moscoso ó levantamento e fracaso dos irmandiños  
Twitter icon

Juan II de Castela e León, 1406-1454. Detalle do sepulcro en Miraflores Burgos obra de Gil de Siloé

A política seguida por don Rodrigo de Luna antes aínda de que fora confirmado como arcebispo de Santiago amósano-Io seu interese por somete-los cabaleiros feudatarios da Igrexa de Santiago baixo a súa autoridade. A provisión de 1450 para protexe-Ios labradores e caseiros do cabido, as cédulas obtidas do rei Xoán II apoiando a súa iniciativa, o intento de recuperación da fortaleza da Insua, a prohibición da descarga e salgadoría de peixe nos portos de Corcubión, Laxe e Camariñas de 1456 sitúanse neste contexto. Sen dúbida, estes cabaleiros sentíronse ameazados. No momento en que se produciu o certeiro ataque a Corcubión, dona Xoana atopábase na vila estando sobre tregua e seguro puesta por el dicho señor rey. En maio de 1457 -dous meses antes- don Enrique IV proporcionara a Lope Pérez de Moscoso un salvoconducto para garda dos seus bens e vasalos a petición do interesado.

A tarefa que se propuxera don Rodrigo de Luna resultaba ímproba dado o grao de enquistamento que alcanzaran estes cabaleiros na terra de Santiago en tempos do arcebispo don Lope de Mendoza -moi especialmente os Moscoso-. Agora,  ó se produci-Ia morte do seu valedor, o condestable don Álvaro de Luna, en 1453, xa se voltou imposible. O fracaso desta política viuse ben ás claras ó xurdi-Ia sublevación protagonizada por algúns destes cabaleiros feudatarios como don Rodrigo de Moscoso, daquela pertigueiro maior de Terra de Santiago, don Pedro Álvarez Osorio, conde de Trastámara, e os concellos de Santiago, Noia e Muros en 1458. O fracaso da política autoritaria – ou de relativa firmeza como a cualifica J.García Oro- de don Rodrigo de Luna tiña que conducir necesariamente a unha política de pactos e polo tanto de cesións que se ía ver favorecida polas disensións no seo dos rebeldes. Entre outros, os Moscoso pasáronse ó bando arcebispal; segundo Vasco de Aponte, a razón estribaría en que o conde de Trastámara lle quixo tomar Trastámara a Bernaldeáns de Moscoso, é dicir, bens entre os que se contaban as xurisdiccións de Corcubión e Vimianzo. 

Ámbolos dous asinaran unhas capitulacións en 1459 nas que o arcebispo dá en préstamo multiples bens ó segundo, entre eles, o porto de Muxía. Para refrendar a alianza, Bernaldeáns contrae matrimonio cunha muller da linaxe de don Rodrigo de Luna. O arcebispo morre en xullo de 1460 sen ver esmagada a rebelión pero esta non tardará en desaparecer escasamente un ano despois.  

Sepulcro de Alonso de Fonseca II arcebispo de Santiago 1464-1506

Á chegada de don Alonso de Fonseca e Azevedo (Fonseca II), sucesor de don Rodrigo na prelatura compostelá, a posición de Bernaldeáns de Moscoso era realmente hexemónica no arcedianato de Trastámara. En Santiago, Fonseca dirixiríase primeiramente ao Castelo da Rocha Forte, onde recibe a debida homenaxe do alcaide da fortaleza, Álvaro Sánchez de Ávila. Ante a violenta resistencia que atopou en Compostela decidiu fixar a súa residencia na vila de Noia. No enfrontamento entre ambos bandos o Moscoso prendeu o arcebispo en Noia no ano 1465 e mantívoo preso nas fortalezas de Mens e Vimianzo durante dous anos. Despois disto o bando do arcebispo fixóse forte na Catedral e o 21 de xullo de 1466 apropiáronse de parte do tesouro catedralicio e apresaron aos capitulares favorables a Bernaldeáns. A resposta non se fixo esperar e no verán dese mesmo ano prodúcese o asedio á Catedral, loita na que os partidarios de Fonseca partían coa vantaxe de ter totalmente fortificado o templo. No templo da loita houbo baixas notables, e entre elas o propio Bernal Yáñez Moscoso.

Fonseca II, xa libre, non dispuxo de moito tempo para refacerse xa que logo estoura en Galicia a revolta irmandiña. Apoiadas no seu inicio por fidalgos e cabidos as irmandades comezaron unha revolta que atacou e destruíu castelos e casas fortes da nobreza (sobre 130 nos dous anos de guerra irmandiña. As liñaxes dos Lemos, Andrade e Moscoso foron o branco preferido dos irmandiños), sendo os dominios do Arcebispado de Santiago uns dos que levaron peor parte. De feito o arcebispo viuse obrigado a fuxir a Castela na procura de axuda, apoio que non obtivo, o rei Enrique IV non condenou as destrucións e ataques e incluso autorizou a creación da nova irmandade. Ante esta situación botou man dos seus amigos portugueses, principalmente o Duque de Bragança, e a pesar desa axuda viuse obrigado a vender o patrimonio recibido do seu pai para formar un exército.

Restos do castelo da Rocha Forte

En acordo cos Zúñiga de Monterrei e os Soutomaior entran en Galicia e en pouco tempo logran vencer aos sublevados e recupera os seus dominios. Os primeiros esforzos dirixiunos a reconstruír e remodelar as defensas da cidade: a Torre da Praza e a construción dun castelo no Pico Sacro, deixando na ruína, ás veces temporal outras definitiva, os castelos da Rocha forte, a Rocha Branca de Padrón ou as Torres do Oeste en Catoira. En 1469, Pedro Madruga inicia desde Portugal o contraataque feudal, contando co apoio doutros nobres e das forzas do arcebispo de Santiago de Compostela. As tropas feudais, contando cunha mellor tecnoloxía de guerra (sábese que as tropas de Pedro Madruga empregaron modernos arcabuces), venceron os irmandiños, prenderon e mataron os seus líderes. A vitoria das tropas de Pedro Madruga produciuse por contar co apoio dos monarcas de Castela e Portugal e polas divisións das forzas irmandiñas. Mais axiña a nobreza vitoriosa viuse envolta de novo en liortas dinásticas que prepararon o seu definitivo desarraigo do territorio galego. Efectivamente, unha vez foron apagadas as revoltas irmandiñas as vellas rifas voltaron a acenderse.
No ano 1470 Fonseca II e a Marquesa de Astorga estableceron un concerto para impoñer a súa lei á nobreza galega, ao que estes respostaron o 20 de febreiro de 1471 desde o Mosteiro de Carboeiro desafiando ao arcebispo. Ante esta situación o Rei instou a arbitrar o conflito ao Adiantado Maior Juan de Pareja, mais este foi apresado por Luís de Acevedo. Ante esta situación a maioría da nobreza galega únese, dirixidos polos Moscoso e os Soutomaior, contra o arcebispo.

Pedro Álvarez de Soutomaior coñecido como Pedro Madruga foi un dos aliados dos Moscoso e xogou un papel decisivo na caida dos irmandiños

Ao mesmo tempo en Castela comezaba unha guerra de sucesión coa proclamación a finais do ano 1474 de Isabel a Católica como raíña. Cedo, no ano 1475 o arcebispo, co apoio do Cabido, decantouse polo bando isabelino mentres que Pedro Álvarez de Soutomaior (Pedro Madruga) inclinouse pola Beltranexa e a monarquía portuguesa, quedando o resto da nobreza galega a expectativa sen decantarse por ningún dos dous bando á espera de acontecementos. Cara a outubro de 1476 a lide estábase a decantar claramente cara a Isabel e Fonseca estaba a obter os seus maiores éxitos militares. Iniciou entón unha serie de campañas conseguindo desaloxar aos Soutomaior de Pontevedra e Baiona. 

  • Víctor Castiñeira (vmcastineira[arroba]quepasanacosta.com).


 


Novas relacionadas

A Baixa Idade Media na Costa da Morte: As orixes das terras de Nemancos

As parroquias do concello de Cee: notas sobre a a súa poboación

Que pasou na Costa na época moderna

A Asistencia hospitalaria na Galicia do século XVI

Que pasou na Costa

Elección Histórica da Costa da Morte

Especial Bicentenario de Víctor Castiñeira en La Voz de Galicia

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.com).

.

Non hai comentarios

Aínda non hai comentarios.

Canal RSS dos comentarios da entrada.

Este formulario de comentarios está pechado neste momento.