Inicio
foto_opinador

Terminar o Camiño no Mar

Jose Antonio De la Riera

Bisbarra, Cultura, Firmas QPC
17 Decembro 2011 - 07:23 | Comments Off
As Orixes (I)
Twitter icon

Recuperamos os artigos de José Antonio De la Riera sobre o Camiño de Santiago no seu último treito entre Santiago e a fin do mundo. Utilizamos de novo estes artigos do ex Presidente da AGACS, un dos grandes valedores históricos do Camiño, para facernos recapacitar sobre o tesouro que temos na bisbarra e que non acabamos de coidar.

De la Riera afirma que esta serie é unha mostra, a mostra do que a historia, a tradición e a lenda deixou nunha comarca apaixonante, a Costa da Morte. Só a partir do que se vai contando aquí poderase entender o da petición á UNESCO da declaración de Patrimonio da Humanidade para esta prolongación xacobea histórica e indiscutible.

Terminar o Camiño no mar: As Orixes (I)

Os escritores clásicos denominábanlle Promontorio Nerio e tamén Promontorio Céltico. Era sinalado por todos eses autores do mundo antigo como o final do mundo coñecido. A relación deste territorio co culto xacobeo vén de lonxe, practicamente do nacemento do culto xacobeo. Dise que certas tradicións locais contribuíron a compor parte da gran lenda xacobea (esas tradicións xa circulaban a barullo aberto na época sueva) que acabou de comporse no século XII coa inclusión dos fantásticos acontecementos acaecidos en Dugium (Fisterra), durante a Translatio, no Códice Calixtino, Libro III.

Outro tanto pasou en Muxía, onde se incluíron no “ordo” cristián os cultos pagáns vinculados á litolatría (culto ás pedras), con outra lenda xacobea asociada á predicación de Santiago na península. Alí a virxe aparéceselle a un abatido Santiago sobre unha “balsa de pedra” e confórtalle para continuar coa súa predicación. Ábrese así (do mesmo xeito que en Zaragoza) unha relación entre a predicación xacobea e a mariana. Seguramente o veciño mosteiro de Moraime tivo moito que ver na difusión (medieval) desta lenda. A raíz é clara: a cristianización duns cultos pagáns difíciles de desarraigar. En Fisterra, á súa vez, aparecera o Santo Cristo.

Así pois, dous auténticos “pesos pesados” da fe desembarcaran (o Cristo “da barba dourada” tamén chegou por mar, faltaria) nunha dos berces dun panteísmo de difícil domesticación. Dos relatos de dous famosos peregrinos, Leo de Roszmithal e de Blatna (1466) e de Nicolás Poplievolo (1484) dedúcese que tanto o santuario de Muxía como o culto á virxe santiaguera estaban perfectamente establecidos na época bajomedieval.

Todo se “artella” para que non falte de nada: a fantástica nave da virxe, ¡outra balsa de pedra!, as pedras máxicas (a de “abalar”, a do “cadrís”, a “vela da virxe”, tamén andan por alí o casco e o temón), todas elas con propiedades máxico curativas que aínda se viven hoxe en día como talles… e todo iso bendicido, impulsado, proclamado… pola igrexa de Roma e, por suposto, pola compostelá. Así que o rústico que daba alaridos ao deus Lug en?as noites de lúa chea ou se inclinaba ante o Ara Solis (se, tamén houbo cultos solares), non tivo o menor inconveniente en bailar ao redor dunhas pedras (aínda o fan) … dunha deusa vinda do mar e, por suposto, do seu Apóstolo.

  • José Antonio de la Riera.

Terminar o Camiño no Mar

Novas relacionadas

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.com).
.

Non hai comentarios

Aínda non hai comentarios.

Canal RSS dos comentarios da entrada.

Este formulario de comentarios está pechado neste momento.