Inicio
foto_opinador

Historias Nómades

Serxio Iglesias

Firmas QPC
1 Xaneiro 2010 - 09:21 | Comments Off
Declaración de intereses nomadistas
Twitter icon

irva humildemente este primeiro artigo como testemuño de principios que han de guiar estas historias nómades que hoxe comezan. Serán, ou intentarán ser, retallos diversos e moi heteroxéneos. Historias que rocen un problema, catro letras que amosen o enfoque náufrago de quen non ten máis táboa de salvación que a palabra. Non haberá outra pretensión que a de compartir convosco unha óptica particular, moitas das veces confusa, outras seguramente errada, sobre calquera tema que me veña en gana. Eis a liberdade que ofrecen os amables editores.

Non atoparedes, pois, análises precisas e documentadas. Teño unha preguiza conxénita que me impide tal traballo e, de certo, unha incapacidade notoria para dar no cravo. Tampouco procurarei unha gran vocación de estilo, nin perdurar no tempo nin no espazo literario. Malia todo, quixera que este fío de voz, tan pequeno no mundo, sexa por vós ouvido.

Serán historias nómades porque non teñen un berce que as acubille, historias de aquí e de alá,
do máis próximo ás nosas vidas pero tamén daqueles territorios que estreman co alén. Ou non somos acasos fillos dunha terra nómade, herdeiros dunha trashumancia que nos levou a cruzar océanos para traer o pan á boca? Cantas veces non nos cegamos contemplando as miserias que nos arrodean desprezando o que acontece fóra? E pola contra, cantas veces non ignoramos a nosa realidade máis próxima para achegarnos sen pudor ás novas do exterior? O tema non está aquí ou alá. Está e punto. Do máis particular ao máis xeral. De Corcubión a Alaska, de Moçambique a Fisterra.

Tampouco a inmediatez é algo que me quite o sono. Fala estes días algún xornal da situación do Sahara Occidental tras a repatriación de Aminetu Haidar? Eles, os gurús da comunicación, xa resolveron o conflito. O seu conflito. E nada mudou. O tempo da información é algo que nós non controlamos, efémeras modas de escaparate mediático que non teño o gusto de consumir. Recoñezo, así mesmo, o pouco que me seduce o politicamente correcto.

Por último, gustariame abrir esta pequena fiestra a todos os lectores e lectoras que dalgún xeito quixesen asomarse nela, enviando os seus comentarios, suxestións, queixas, laios, tormentos, avatares e melancolías. É un camiño común, o camiño errante dos nómades. Como dixo o poeta Carlos Oroza, deixade que o trigo medre nas fronteiras. Vou ver o Pindo que está nevado.

  • Serxio Iglesias (serxioiglesias@quepasanacosta.com). Xanerio 2010.
.

Non hai comentarios

Aínda non hai comentarios.

Canal RSS dos comentarios da entrada.

Este formulario de comentarios está pechado neste momento.