Firmas QPC
Serxio Iglesias - 26 Febreiro 2012 - 21:30 | Un Comentario

Longa noite de pedra


O teito é de pedra. De pedra son os muros i as tebras. A vila tamén é de pedra e hoxe é un luns calquera dun inverno calquera. A vila é de pedra e o viaxeiro nómade acouga o seu paso e senta no banco de pedra da praza de pedra. Contra a noitiña, o frío nordés arrebata o ánimo e fai abanear a follaxe das palmeiras. Non hai outro son. O viaxeiro nómade sentado no banco de pedra observa a quietude extrema. Deita a mirada nas balconadas e galerías, nas casas señoriais. Brasón e pompa dun esquecido e glorioso pasado. Como unha incisión na retina observa ao seu carón un horrendo mamotreto inacabado, de pedra e ladrillo, de verdín e inmundicia. Metáfora pura do presente baleiro.

O viaxeiro nómade medita. Non hai outra cousa que facer. Habita inmóbil o territorio da desesperanza. A vila zen ofrécelle espazo silandeiro e tempo detido. Non hai ao seu redor presenza humana. Algún gato escorrentío atravesa os carreixos nus. Como un milagre espectral, a súa calma é interrompida por un home que se achega e pregunta. Tes un pitillo? O viaxeiro nómade agradece a visita e ofrécelle un winston.

Aos poucos, como saídos das entrañas da terra, comezan a agromar os parroquianos. Ao lonxe, uns mozos comen pipas ao pé dun quiosco. Dúas señoras apurando o paso comentan que vai comezar o pleno. Crúzanse con tres veciños, pero non se saúdan. Fórmanse pequenos grupos, camarillas que falan excitados pero moi baixiño; murmurios insidiosos, calumniadores, viscerais. E calan de súpeto cando alguén aparece ao seu lado. Os corazóns dos homes que ao lonxe espreitan, feitos están tamén de pedra

O viaxeiro nómade sabe que vai comezar o xogo dos adultos que xogan á guerra. Igual que os nenos, divídense en bandos arbitrarios, completamente irracionais. Mimetízanse coas siglas que lles foron outorgadas e comeza o delirio colectivo. Cópianse poses e discursos, repítense consignas. E volve outra vez a insidia, a calumnia, a víscera. O viaxeiro nómade pensa outra volta na fraternidade.

Xa está de novo a praza deserta. Celso Emilio, o viaxeiro nómade, leva o frío na alma e no peito. Quixera tomar un viño tinto, bravo como a quentura do inferno. Pero é luns, e o bar da praza está pechado por descanso. I eu morrendo nesta longa noite de pedra.

Ouras historias nómades

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.com).

Etiquetas: , ,

1 Comentario

  1. [...] Longa noite de pedra. [...]

    Pingback por Cando chegaron as ratas — 9 Abril 2012 @ 07:54

Canal RSS dos comentarios da entrada.

Este formulario de comentarios está pechado neste momento.

 
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE