Firmas QPC
Darío Areas - 29 Febreiro 2012 - 10:05 | Comments Off

Lámpada de Berzelius


Da man de Darío Areas, Secretario da Fundación Fernando Blanco de Lema e Coordinador do Museo, trataremos de amosar, parte do rico patrimonio que se conserva da Fundación Fernando Blanco, patrimonio que funde maioritariamente as súas raíces a finais do século XIX, pouco despois da inauguración do Colexio- Instituto no 1886.
Cada semana publicaremos a fotografía e descrición dunha peza da colección. Pezas que terán un nexo de unión: a nostalxia e a lembranza dun centro innovador e pioneiro en materia educativa e cultural, así como tamén o recordo dunha institución que marcaría o devir de Cee e da comarca.

Lámpada de Berzelius

Lámpada Berzelius

  • Inventor: Jöns Jacob Berzelius (1779 – 1848)
  • Cronoloxía: 1890 – 1891
  • Clasificación: Obxectos educativos / Instrumentos científicos / Sección: Calor e Traballo

Descrición e funcionamento

Trátase dunha lámpada de alcohol, metálica, con mecha ensanchada sobre unha especie de funil. Na parte superior da mecha monta unha caldeira anular de cobre cun pequeno tubo encorvado por onde pode saír o alcohol cando ferve por acción da lámpada.
Caracterízase pois por insuflar sobre a súa propia chama o vapor dun líquido combustible.
Este aparello foi utilizado por Boutigny nos seus experimentos. Empregábase para a demostración experimental de que un líquido completamente aillado de todo vaso e suspendido na atmósfera, de xeito que só tivera libre a superficie exterior, non fervería nunca. Nesta condición atópanse os líquidos proxectados sobre placas incandescentes.
A lámpada de Berzelius de dobre corrente é un aparello de combustión empregado en numerosas operacións de análise química, como por exemplo na determinación de manganesos nos minerais de ferro polo método de Mohr.

O inventor

Jöns Jacob Berzelius (1779-1848)


Jöns Jacob Berzelius foi un químico sueco. Estudiou menciña na Universidade de Uppsala e foi profesor de menciña, botánica e farmacia no Karoline Institute de Estocolmo.
Nun periodo de dez anos estudiou preto de 2000 compostos químicos. Tomando o osíxeno como base de referencia, determinou o peso atómico dos demáis elementos; os resultados foron publicados no 1818 nunha táboa de pesos atómicos de 42 elementos.
Paralelamente, os seus experimentos sobre a electrólise levárono a propoñer a teoría de que os compostos están constituídos por unha parte eléctricamente positiva e outra negativa, sendo esto aplicable tanto para composto inorgánicos como orgánicos.
Introduxo a notación química actual e os conceptos de isometría, acción catalítica e radical orgánico.
Descubridor dos elementos cerio, selenio e torio, tamén logrou aillar o silicio, o circonio e o titanio.

  • Darío Areas Domínguez. Secretario da Fundación Fernando Blanco de Lema e Coordinador do Museo.

Tesouros da Fundación

Novas relacionadas

Artigos sobre Fernando Blanco de Lema

Outros artigos de Darío Areas

Máis información

Para unha información máis detallada sobre a figura de Fernando Blanco de Lema e da historia do Instituto da Fundación e da antiga Escola de Nenas, así como tamén do Museo, podedes visitarnos na Praza da Constitución, nº 25 de Cee, ou na web: www.museofernandoblanco.org.

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.com).

Etiquetas: , , , , , , , , , ,

Non hai comentarios

Aínda non hai comentarios.

Canal RSS dos comentarios da entrada.

Este formulario de comentarios está pechado neste momento.