Firmas QPC, Muxía
Ángel M. Moar - 20 Xaneiro 2011 - 09:28 | Comments Off

Hoxe: O pitoniso (Trasufre, 1985)


Feira da Santiña. Nun posto colga un letreiro que di:

Pitoniso Lolo ¿Quere coñecer o seu futuro?

- Bos días ¿É vostede o pitoniso?

- Home, ¿O meu turbante non lle di nada?

- Pois non sei se dixo, con tanto barullo non escoitei.

- Quero dicir se non deduce…

- Si que deduzo, por un piso que merquei en Cee e por un fin de semana en Calcoba.

- Pois eu estiven en Calcoba un mércores ¿non deduce iso?

- Nin idea. Pero  pouco vai durarme o choio porque a casiña non tiña licencia e van derrubala.

- ¿E como a comprou sen licencia?

- Non o sabía porque me enganaron… ¡déronma con queixo!

- Normal, se a casa está na Anchoa…

- Pero xa está ben de parolar. ¿Entón vostede sabe o que vai pasar?

- Sei.

- Eu quería que me lera o futuro próximo.

- E que non trouxen as gafas de cerca…

- Pois entón o porvir afastado.

- Pero que non pase dun ano, que teño algo de miopía tamén, e ademais está a bóla moi cotrosa de tanto po que hai na Santiña.

- Ben, pois aí vai a pregunta: ¿Casarei coa miña noiva?

- Vexo aquí…¡que a súa moza está moi mal!

- ¿Ten un cancro? ¿Vai morrer?

- Non, quero dicir que non vale un peso.

- Home, non é miss España

- Vexo que máis ben é miss…erable.

- ¿Que significa iso?

- Quero dicir amarrada.

- Non, home, que a levo solta hai anos.

- Ui, co perigo que teñen…

- Agora que o penso, logo de casarme o que estarei esposado serei eu.

- Pois non se preocupe que vostede non casa.

- ¿Vaime deixar Rosa?

- Vaille deixar negro, do amolado que queda.

- ¿Outro home?

- Na bóla estou vendo unha morea deles.

- Traballa de caixeira nun súper; a ver si está vostede vendo os clientes nas colas.

- Máis ben estou vendo as colas dos clientes: os miro espidos con ela.

- ¡Vaia por Deus, que nefastos agoiros!

- A verdade é que esta bóla, cando está tan escura, malo.

- ¿E non podía mellor lerme as cartas?

- As cartas as leo de luns a mércores; de xoves a sábados utilizo a bóla.

- ¿E o domingo?

- A palma.

- ¿A palma da man?

- Vostede a palma o domingo. Acabo de velo na bóla. Por iso non vai casar, claro.

- ¡Pero se o domingo teño un partido en Muxía e estamos xustos!

- ¡Que lle imos facer!

- ¿E de que morrerei?

- Vexo espiñas na gorxa.

- ¡Que me está a dicir!

- Por si acaso non coma peixe o domingo, nin tampouco vaia á casa da Anchoa.

- Xa me daba a min mala espiña unha bóla tan porcallenta…

- Non as pague coa bóla, que non ten culpa dos seus males futuros.

- Pois o domingo non saio de casa nin probo bocado. E estarei todo o tempo con Rosa por se me ten que auxiliar.

- O destino abate as barreiras, amigo.

- Xa veremos, señor Lolo, xa veremos.

O mozo morreu efectivamente o domingo, esganado pola súa moza despois dunha tremenda rifa polas presuntas infidelidades dela. Cando se enterou o pitoniso Lolo, razonou para si: “Claro, as uñas cravadas na gorxa foron espiñas de Rosa. ¡Non o deixou negro, o deixou morado! Teño que darlle unha man de Cristasol á bóla, porque calquera día causo unha desfeita!”

  • Ángel M. Moar (ammmoar[arroba]quepasanacosta.com)

Relatos anteriores

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.com).

Non hai comentarios

Aínda non hai comentarios.

Canal RSS dos comentarios da entrada.

Este formulario de comentarios está pechado neste momento.

 
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE