Eu vivía daquela en Buxantes. Só. Estaba solteiro e meus pais morreran hai anos; a única familia que tiña no mundo era un tío que residía en Arzúa, outro solitario coma mín.
Meu tío sempre viña polas festas de san Pedro á miña casa a pasar uns días. Aquel ano déusenos por dar un paseo polo monte, case ata chegar a Figueroa. No medio do bosque atopamos unha casiña en bastante mal estado; sen embargo, o fume que saía pola cheminea indicaba que estaba habitada. Pasamos cerca dela e vimos como un home de idade avanzada saía da casa cun fouciño na man. Chamoume a atención o branco que estaba e os seus andares parsimoniosos, pouco naturais. Tamén o pano que envolvía o seu pescozo, branco igualmente e con manchas vermellas. Eu seguía andando pero meu tío quedou parado mirando fixamente ó ancián, que cando reparou na súa presencia voltou a meterse na casa inmediatamente. Retomamos a camiñata, e o meu parente se desprazaba como un autómata pola impresión: según el, o vello era Anselmo, un labrego dunha aldea de Arzúa que coñecía de sempre e que morrera había case un ano, asasinado por un veciño cun golpe de fouciño na gorxa a causa duns pleitos de lindes. Por moito que asegurei que tiña que ser alguén parecido, meu tío insistía en que era o tal Anselmo. E xa non pensou en nada máis nin falou doutra cousa no resto do tempo. Ó día seguinte seguía moi afectado e díxome que voltaba para Arzúa, pero eu sempre pensei que pasaría antes pola casiña outra vez.
Transcorreu un tempo e nunha tarde que paseaba eu polo bosque camiño de Figueroa, recordei o episodio de Anselmo e busquei a casa do presunto pantasma. Atopeina máis descoidada, coas silveiras cercando a súa parte posterior. Acerqueime a modiño e o vin saíndo da casa. Vin a meu tío cun fouciño na man, un pano no pescozo e andares de zombie; vino coas veas e a mirada baldeiras achegándose a min, paralizado eu polo medo, levantando o fouciño e logo baixándoo directo á miña gorxa.
Eu vivín hai tempo en Buxantes e morrín nunha casiña cerca de Figueroa. Morrín pero non dou morto esperando a un visitante que me rescate do meu corpo. Quérome ir ó salón onde falan meu tío e máis Anselmo entre as lapas da lareira, ou xogar como eles xogan a saír pola cheminea entre os fumes do fogar; quero atravesar os muros e soprar na caluga dos camiñantes sen que me vexan. Pero non me podo afastar da casa, que a penas se ve entre a maleza.
Ven. Estouche esperando. No bosque entre Buxantes e Figueroa. Busca ben a casiña, e si hai sol guíate polo reflexo do meu fouciño; afieino con esmero para que o corte sexa limpo, non temas. Ven e dáme a liberdade; eu che darei o meu pano branco con pingas sanguentas.
Aínda non hai comentarios.
Canal RSS dos comentarios da entrada.
Este formulario de comentarios está pechado neste momento.
21-02-2013 - beto
03-02-2013 - beto
30-01-2013 - beto
29-07-2011 - 131 comentarios) - {OPINA}
24-08-2011 - 107 comentarios) - {OPINA}
03-09-2011 - 106 comentarios) - {OPINA}