Bisbarra, Cee, Cultura
Ubaldo Cerqueiro - 4 Outubro 2011 - 10:20 | Un Comentario

ProLingua pide ao Presidente da Deputación a destitución de Zaira Rodríguez como responsable de Normalización


Prolingua pide a destitución de Zaira Rodríguez como responsable de Normalización da Deputación

O Colectivo Prolingua vén de enviar unha carta ó Presidente da Deputación da Coruña por mor dunhas declaracións da responsable da área de Normalización Lingüística da entidade provincial, que non é outra que a voceira do PP e concelleira no Concello de Cee, Zaira Rodríguez.

A “plataforma apartidaria e plural” Prolingua, como a definen dende dentro, pide a súa dimisión do cargo de Normalización Linguística da Deputación polas súas manifestacións.

Carta de ProLingua ao Presidente da Deputación da Coruña

En La Voz de Galicia do pasado día 2 publicouse unha entrevista con Zaira Rodríguez Pérez, concelleira de Cee e responsable da área de Normalización Lingüística na institución que vostede dirixe. Somos moitas as persoas que lemos con abraio e indignación esta parte da entrevista antedita:

- “Entre sus áreas de trabajo, usted es la responsable de normalización lingüística. Puede parecer algo chocante en una persona que no habla gallego”.
- “Lo entiendo perfectamente y lo hablo a veces. En mi casa lo hablan, pero creo que cada uno es libre de elegir la lengua en la que se siente más cómodo”.

Sendo a deputada responsable da área de Normalización Lingüística, non pode Zaira Rodríguez, por moito que invoque a súa liberdade individual, facer semellantes declaracións. Esta persoa non pode continuar no cargo onde vostede a colocou, porque a súa actitude de desprezo pola lingua propia de Galicia é unha actitude ignorante e mesquiña, que resume moitos dos prexuízos existentes sobre o nos idioma e que non podemos aceptar.

A súa incompetencia manifesta e o seu desprezo pola normalización lingüística supoñen un insulto máis para as persoas que falamos galego e que traballamos para que o seu estatus de lingua oficial en Galicia se traduza na práctica nunha presenza nos diversos ámbitos sociais parella á que goza o castelán.

Desde a plataforma plural e apartidaria ProLingua querémoslles lembrar, a vostede e á deputada Rodríguez Pérez, que os poderes públicos galegos non só deben garantir o uso normal e oficial do galego, senón que deben “potenciar” o seu emprego en todos os planos da vida (art. 5.3 do Estatuto de Autonomía), o que, de acordo co apartado 3 do artigo 6 da Lei de Normalización Lingüística, significa que deben promover “o uso normal da lingua galega, oralmente e por escrito, nas súas relacións cos cidadáns”.

Do mesmo xeito que nunca deixariamos un raposo ao coidado das galiñas, non pode unha persoa coas ideas da devandita deputada desenvolver o cargo que na actualidade ocupa. Desde ProLingua pedimos o seu cesamento inmediato e a súa substitución por outra persoa que manifeste un maior coñecemento e, sobre todo, respecto pola lingua propia de Galicia.

Novas relacionadas

Fonte

Etiquetas: , , , , ,

1 Comentario

  1. [...] ProLingua pide ao Presidente da Deputación a destitución de Zaira Rodríguez como responsable de N…. [...]

    Pingback por Máis paro tralo verán — 5 Outubro 2011 @ 08:33

Canal RSS dos comentarios da entrada.

Este formulario de comentarios está pechado neste momento.

 
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE